As probas libres teñen por finalidade permitir ás persoas participantes obteren directamente algún dos títulos de técnico ou de técnico superior de formación profesional, sempre que demostren ter alcanzados os obxectivos establecidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, para a formación profesional, así como os fixados no currículo respectivo.

– Resolución do 29 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se adoptan medidas para o desenvolvemento da convocatoria do curso 2019-2020 das probas para a obtención dos títulos de técnico e de técnico superior de ciclos formativos de formación profesional dos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación

– Orde do 5 de abril de 2013 pola que se regulan as probas para a obtención dos títulos de técnico e de técnico superior de ciclos formativos de formación profesional dos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación

– Corrección de erros. Orde do 5 de abril de 2013

– Resolución do 26 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional do sistema educativo no curso 2019/20

Relación de ciclos e prazas obxecto desta convocatoria

Lugar e prazo de presentación de solicitudes

Na convocatoria do curso 2019-2020, o período de solicitudes considerarase período de matrícula en prazas liberadas (segundo o establecido no artigo 3.2 da Resolución do 29 de maio de 2020) polo que as solicitudes de matrícula para participar nas probas libres de formación profesional de títulos LOE presentaranse na secretaría do centro público elixido en primeira opción.

Unicamente poderá presentar a solicitude de admisión quen cumpra os requisitos de acceso no período da matrícula.

O prazo de presentación de solicitudes de matrícula será do 1 ao 12 de xuño de 2020.

Documentación relacionada

  • Impreso de solicitude para as probas libres a ciclos formativos de formación profesional (terá consideración de solicitude de matrícula no centro de primeira opción) (anexo I)
  • Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, do Instituto Social da Mariña ou da mutualidade laboral en que se teña afiliación, onde conste a empresa, o grupo de cotización e o período de contratación (vida laboral)
  • Certificación da empresa en que se adquirira a experiencia laboral, que reflicta especificamente a duración dos períodos de prestación de servizos, a categoría laboral, a actividade desenvolvida, o período en que se realizara a devandita actividade e os ciclos formativos relacionados (anexo II)
  • Se quen solicita xa ten módulos superados do ciclo formativo, deberá presentar a correspondente certificación acreditativa
  • Se ten 19 anos e un título de técnico, deberá presentar o depósito do título de técnico (só no caso de solicitar ciclos formativos de grao superior)
  • Se solicita adaptación da proba por recoñecemento de necesidades educativas especiais, xuntará o certificado do recoñecemento do grao de discapacidade e o ditame técnico facultativo.

Documentación e listaxes do procedemento de probas libres

Tendo en conta que o artigo 3.2 da Resolución do 29 de maio de 2020, establece a condición de prazas liberadas para todas as ofertadas na convocatoria actual de probas libres para a obtención de títulos LOE de grao medio e de grao superior non é necesaria a publicación centralizada de listaxes de solicitantes nin de adxudicación de prazas. Os centros informarán ás persoas que non cumpran os requisitos de acceso no momento de presentación da solicitude de matrícula ou con posterioridade se nese momento non fora posible.

As probas realizaranse na primeira quincena do mes de setembro. O centro de matriculación facilitará a información relacionada co calendario de realización das probas e coas xornadas de acollemento.

Aquelas persoas matriculadas que non asistan, inxustificadamente, á xornada de acollemento ou a calquera das partes en que se organiza a proba de cada módulo profesional causarán baixa de oficio, o que implica a perda de toda a matrícula na proba, e non poderán presentar solicitude de inscrición nas probas do curso académico seguinte.

Requisitos das persoas solicitantes

Cumprir os requisitos de acceso establecidos na Lei orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, que modifica a Lei orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación (basicamente para ciclos medios, título de formación profesional básica, de ESO ou proba de acceso; para ciclos superiores, ter título de técnico de formación profesional, título de bacharelato da LOE ou da LOXSE, ou proba de acceso), e ademais:

– Ter 18 anos, para optar aos títulos de técnico

– Ter 20 anos, para optar aos títulos de técnico superior, ou 19 anos no caso de posuír xa o título de técnico

Malia o anterior, coa finalidade de facilitar a formación permanente, a integración social e a inclusión de persoas e de grupos desfavorecidos no mercado de traballo, se houber vacantes logo de resolto o proceso de admisión, poderán acceder á realización das probas dos módulos profesionais asociados a unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais as persoas adultas que, sen cumpriren as condicións de acceso, teñan acreditada:

– Experiencia laboral equivalente ao traballo a tempo completo de dous anos nunha actividade laboral directamente relacionada co sector profesional do ciclo formativo correspondente.

Con carácter xeral, non estar matriculado/a en ciclos formativos de formación profesional nin ter causado baixa no correspondente curso académico.

Non estar en posesión dun título de formación profesional declarado equivalente ao correspondente título de formación profesional establecido ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, obxecto da proba.

(*) Excepcionalmente, no caso de houber vacantes logo de resolto o proceso de admisión, as persoas matriculadas polo réxime de persoas adultas poderán matricularse para a realización das probas libres en módulos profesionais do mesmo ciclo formativo:

  • sempre que os teñan suspensos de cursos académicos anteriores e non se atopen matriculadas neles no curso académico de realización da proba.
  • ata un máximo de tres módulos profesionais do mesmo ciclo formativo, sempre e cando non estean matriculadas neles no mesmo curso de realización da proba.

(*) Tamén poderán matricularse de xeito excepcional, no caso de houber vacantes logo de resolto o proceso de admisión, ás persoas que superasen o módulo de Formación en centros de traballo, e no caso dos ciclos de grao superior tamén o módulo de Proxecto, nos períodos extraordinarios establecidos no artigo 6.4 da Orde do 28 de febreiro de 2007, de setembro-decembro e de xaneiro-marzo, do mesmo curso escolar en que teña lugar a convocatoria de probas libres.

* O artigo 3.2 da Resolución do 29 de maio de 2020, establece: “na convocatoria do curso 2019-2020, terán consideración de prazas liberadas todas as ofertadas para as probas libres”, deste xeito todas as persoas que estean nas situacións descritas poden presentar solicitude de matrícula no período establecido do día 1 ao 12 de xuño de 2020


Lembre que a normativa sempre prevalece sobre calquera outra información. Esta páxina contén información de carácter xeral extraída da normativa, polo que calquera dúbida ou contradición se resolverá atendendo á normativa vixente.

Para máis información, web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional